O alumnado de forestais do Obradoiro de Xóvenes Moraña Portas Valga I acompañados polo experto docente desta especialidade, a administrativa e a directora, participaron hoxe en dúas visitas formativas.
Achegáronse en primeiro lugar á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que presta un servizo de asesoramento ao sector agrícola en relación ás pragas e enfermidades que afectan aos diferentes cultivos e sobre as medidas de protección e control para evitar perdas a consecuencia destes patóxenos. Outra das liñas de traballo desta estación é a recuperación de variedades autóctonas galegas.
No recinto foron recibidos pola xefa de servizo e por diversas técnicas dos laboratorios e por unha guía que os levou polos xardins, explicacions as cursiosidades da finca e a producion de té de camelia.
A continuación, os aprendices do Obradoiro trasladáronse ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Durante a visita guiada pola finca, dunhas 52 hectáreas de superficie, puideron coñecer algunhas das especies coas que alí se traballa. O CIF de Lourizán foi pioneiro no desenvolvemento e posta en práctica de produtos e tecnoloxías forestais. Nos seus máis de 75 anos de historia desenvolveu multitude de proxectos en diferentes áreas da investigación forestal, convertíndose nun dos principais axentes dinamizadores e divulgadores do sector forestal en Galicia.
Estas visitas son complementarias á formación teórica e práctica que veñen recibindo dende hai meses os alumnos do Obradoiro de Emprego. Neste proxecto, compartido polos concellos de Moraña, Portas e Valga, participan dezaseis mozos desempregados, nas especialidades de albanelería e forestais, co obxectivo de favorecer a súa inserción no mercado laboral.
Clic aquí para descargar o PDF
Síguenos nas Redes Sociais