Os dez alumnos e alumnas da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia II, que comparten Valga e Moraña, participaron nunha visita formativa á Finsa en Pontecesures. Estiveron acompañados polo experto docente e a directora do obradoiro.. Tratouse dunha visita guiada na que amosaron a fabricación dos diferentes taboleiros de madeira aglomerados, melamínicos, mdf e as diferentes solucións construtivas a medida das necesidades do cliente. Así, puideron ver como é o proceso de fabricación da madeira que empregan na formación práctica e de obra. O aproveitamento que fan da madeira e o tratamento dos residuos para caldeiras de biomasa que producen a enerxía precisa para o proceso de fabricación. O obradoiro de emprego Ulla-Umia II deu comezo a mediados de outubro de 2017 e prolongarase ata o mes de xullo coa participación de dez desempregados de Moraña e outros tantos de Valga. Os vinte alumnos, quince mulleres e cinco homes, estanse a formar nas especialidades de albanelería e carpintería por un período de nove meses durante o que perciben o salario mínimo interprofesional. A Xunta de Galicia aporta 279.959 euros para financiar esta acción formativa, mentres que as dúas administracións locais sufragan os materiais para as obras que os alumnos levan a cabo nos respectivos municipios.
Síguenos nas Redes Sociais