Buscar...

Ruta Arqueoloxica 1

MÁMOA DE SANTA LUCÍA (SANTA LUCÍA, SAN SALVADOR DE SAIÁNS)

Mámoa, medorra ou medoña son algunhas das denominacións que reciben os monumentos como este de Santa Lucía.

Que son as mámoas?

As mámoas son túmulos funerarios, que se construíron entre o Neolítico e a Idade do Bronce (3.500 a.C. – 2.000 a.C. aprox).
Trátase de amoreamentos de terra totalmente artificiais, con forma circular ou elíptica que sobresaen no terreo e que poden conter un ou varios enterramentos. En ocasións, cobren unha cámara funeraria coñecida como dolmen ou anta.
Aparecen individualmente ou, conformando parte dun conxunto coñecido como necrópole.
En moitos casos presentan unha depresión na parte central coñecida como “cono de violación”, vestixio dun espolio sufrido no pasado.

A mámoa de Santa Lucía

O monumento que temos diante, coñecido como mámoa de Santa Lucía, é un túmulo de terra 16 metros de diámetro e unha altura de 0,80 metros, aínda que con seguridade non son as dimensións orixinais da mámoa xa que sufriu diversas alteracións ao longo dos séculos.
Ten unha planta tendentemente circular e a diferenza de outros túmulos semellantes, non presenta restos visibles da coiraza ou de haber tido cámara funeraria ou dolmen.
Ten unha alteración central ampla que non é outra cousa que o “cono de violación” do espolio que sufriu.
Trátase dun túmulo illado que ademais de cumprir unha función funeraria, posiblemente se empregase como elemento delimitador do territorio.

Accesibilidade