O seu nome provén do grego, concretamente significa “gravado sobre rocha” e confórmase por dúas partes ben diferenciadas, o substantivo “petra”, que significa “pedra” e ”glyphos”, que pode traducirse como “gravado”.
Polo tanto un petróglifo é un gravado na rocha realizado por abrasión en época prehistórica (aínda que existen petróglifos en época histórica). No caso galego a grande parte dos petróglifos están realizados durante a Idade do Bronce (II milenio a.C.).
Os motivos representados son diversos, pero poden artellarse en catro grandes grupos:
– Xeométricos, onde aparecen círculos (sinxelos, concéntricos…), cadros, cruces, labirintos, coviñas, …
– Obxectos, armas como alabardas, puñais, frechas, grades, …
– Abstractos, motivos dificilmente clasificables.
– Figurativos. Representacións de figuras humanas ou animais, destacando por riba de todos a figura dos cérvidos.
Os gravados que compoñen Chan de Deus encádranse nos motivos xeométricos e de obxectos. Trátase dun conxunto formado por combinacións circulares de liñas concéntricas e radiais con tres pequenas coviñas que forman unha figura esquemática indeterminada. Pegada a ela aparece unha posible alabarda e dous círculos concéntricos con coviña central con suco radial traspasante ata o exterior dos círculos. Complétanse os motivos cun conxunto de coviñas indeterminadas.
A representación sitúase no sector oeste do afloramento case a ras de chan e bastante plano, aínda que moi dividido por fendas superficiais e con distintos planos.
Son deseños de complexo significado e forte simbolismo, quizais relacionados co culto á caza, á fecundidade, aos astros ou a natureza. No caso da representación da arma, a alabarda, podería estar relacionada coa representación do prestixio social, posuíndo por tanto, unha carga simbólica importante.
Chan de Deus pode ser unha marca ou delimitación territorial, unha marca de cazadoiro ou unha sinal dunha vía de tránsito natural .
Síguenos nas Redes Sociais