Buscar...

Ruta Arqueoloxica 3

A LAPA DE GARGANTÁNS (PARAÑOS, SAN MARTIÑO DE GARGANTÁNS)

Que é a lapa de Gargantáns?

A Lapa é un menhir, ou o que é o mesmo, un monumento megalítico formado por unha gran pedra alongada, sen labrar ou escasamente traballada, chantada verticalmente no chan.
O seu nome procede do francés menhir e este á súa vez do bretón menhir, de men ‘pedra’ e hir ‘larga’ e é normal que dita definición teña á súa orixe no bretón, xa que na Bretaña francesa existe unha grandísima concentración deste tipo de monumentos, como por exemplo os aliñamentos de Carnac.

Debuxo de Carlos Paratcha. Fondos Aqueolóxicos. Museo de Pontevedra

A Lapa de Gargantáns

Este menhir, ata non fai moitos anos, era considerado o único monólito prehistórico existente en Galicia.
Presenta unha forma tendentemente triangular, apuntada e con lados asimétricos un recto e o outro convexo, que lle confiren un aspecto claramente fálico.
Gran parte da superficie da pedra presenta gravuras en forma de cazoletas ou coviñas, algunhas das cales se prolongan na parte soterrada, especialmente na súa cara SL, pero tamén serpentiformes e formas en “U”.
Sobresae 1,92 m sobre a terra vexetal, aínda que á súa lonxitude máxima acada os 2,35 m, o cal se sabe pola escavación arqueolóxica que se levou a cabo no ano 1982.
A súa adscrición cronolóxica non é precisa, pero existen unha serie de características formais que o encadran no mundo dos túmulos e megálitos (entre o Neolítico e a Idade do Bronce) entre o 3.500 e o 2.000 a-C.
Na actualidade realiza funcións de marco territorial entre dúas parroquias (San Martiño de Gargantáns e Santa Xusta de Moraña), pero na Prehistoria á súa función delimitadora podería estar relacionada con elementos funerarios, rituais ou espaciais, xa que pola súa contorna conflúen distintas liñas naturais de tránsito, unhas que discorren polo val e outras que descenden desde as cotas altas dos montes que o rodean.

Accesibilidade