Buscar...

Ruta Arqueoloxica 4

MÁMOA DE MONTE ARDEGÁN (LONGÁS, SANTA XUSTA DE MORAÑA)

Mámoa, medorra ou medoña son algunhas das denominacións que reciben os monumentos como este de Monte Ardegán.
Que son as mámoas?
As mámoas son túmulos funerarios, que se construíron entre o Neolítico e a Idade do Bronce (3.500 a.C. – 2.000 a.C. aprox).
Trátase de amoreamentos de terra totalmente artificiais, con forma circular ou elíptica que sobresaen no terreo e que poden conter un ou varios enterramentos. En ocasións, cobren unha cámara funeraria coñecida como dolmen ou anta.
Aparecen individualmente ou, conformando parte dun conxunto coñecido como necrópole.
En moitos casos presentan unha depresión na parte central coñecida como “cono de violación”, vestixio dun espolio sufrido no pasado.

A mámoa de Monte Ardegán

O monumento que temos diante, coñecido como mámoa de Monte Ardegán, é un túmulo de terra 18 metros de diámetro e unha altura de 1,50 metros.
Presenta restos visibles da coiraza, estrutura de pedras dispostas a modo de escamas ou coiraza (de aí o nome) sobre o túmulo, para evitar que os elementos atmosféricos desfixeran a mámoa.
Ten unha alteración central ampla e aberta cara o Norte, que non é outra cousa que o “cono de violación” do espolio que sufriu.
Non se trata dun túmulo illado, pois forma parte dunha necrópole máis ampla coñecida como conxunto tumular de “Saídos das Rozas” que se estende pola pequena chaira na que remata Monte Ardegán, límite entre dous concellos (Moraña e Campo Lameiro), tres parroquias e cabeceira de dúas cuncas hidrográficas (rego de Laceira e rego de Grixó).
O seu emprazamento nun lugar estratéxico polo seu amplio dominio visual (desde aquí vese a “boca” da ría de Arousa) e nunha zona de tránsito natural entre as cotas altas dos montes e os fértiles vales, levan a pensar que a necrópole na que se integra esta mámoa artellaba o territorio en época prehistórica.

Accesibilidade