Neste entorno inmediato de A Picota existen catro muíños recuperados, pero no rego da Castañosa o conxunto de muíños é maior, enlazando cos de Vilacoba e posteriormente cos do río Gundeiro.
Existen dous tipos de muíño na Picota, muíños de canle como o 2 (o primeiro que se atopa seguindo a senda) e muíños de cubo como o 3 e o 4, divididos así pola condución da auga cara o interior da estrutura.
Os muíños son construcións tradicionais que se dividen en dúas plantas, o “tremiñado”, aínda que se trata do espazo limitado onde cae a fariña, a zona de moenda propiamente dita, faise extensible a todo o piso superior. E o “inferno”, espazo inferior totalmente aberto onde se empraza o sistema de propulsión hidráulico, o “rodicio”, composto por un eixo rematado nunha roda aspada, que orixinariamente eran de madeira, pero que remataron sendo de ferro, sobre todo a roda, é o caso do muíño 2 de A Picota. O xiro deste eixo é o que fai que se mova a moa no piso superior e se leve a cabo a moenda.
No centro do “tremiñado” emprazábase a moa, que xunto coa capa (gran peza circular de pedra que xiraba sobre o pé) e toda unha serie de elementos en madeira ou ferro compoñían todo o aparataxe para posibilitar a trituración por fricción do cereal.
Segundo o tipo de cereal ao que estivese destinado o muíño, a pedra da moa variaba, a pedra país máis escura era a máis empregada para moer millo, as coñecidas como “alberas ou brancas” empregábanse para o trigo e o centeo.
No exterior os muíños tamén pode posuír outros elementos como o “pousadoiro”, pedra situada ao carón da porta para “pousar” os sacos portados na cabeza ou nas costas.
Tamén no exterior localízanse sobre as xambas ou os linteis toda unha serie de elementos gravados, os máis comúns son as cruces, gravadas para protexer o muiño e ás moendas de elementos malignos que podan entrar no interior, pero tamén letras que poden indicar o nome de a quen pertencen, datas referentes á súa construción ou remodelacións, etc.
Pero os muíños tamén eran espazos de socialización, traballábase, cantábase, contábanse contos e incluso, nalgúns casos se empregaban como vivenda contando con fornos, lacenas e outros elementos máis propios desta función que de muiño.
Síguenos nas Redes Sociais