Buscar...

Ruta Arquitectonica 4

PAZO DA BUZACA (SOAR, SAN LOURENZO DE MORAÑA)

Das moitas definicións que existen do que é un Pazo e do seu contido, a que mellor se adapta é a que concibe o pazo como un edificio levantado no campo con destino a residencia estable ou temporal de familias nobres, de proporcións que superan normalmente ao resto de vivendas de cada aldea, que presenta elementos suntuarios non empregados nas vivendas campesiñas, como labras heráldicas, portalóns brasonados, capelas anexas ou, incluso, xardíns. É unha expresión de grandeza e poder da nobreza galega a partires do século XVI e ata o século XIX.
O Pazo da Buzaca ten á súa orixe no século XVI, polo menos así aparece recollida na documentación da familia e linaxe dos Varela, aos que pertence.
Á propiedade accédese por un portalón construído no século XVIII e coroado polo escudo familiar “sustentado” pola serea que representa aos Mariño.
O edificio principal presenta unha planta rectangular, estruturado en baixo e un piso e está feito en cadeirado e cachotería de granito, posuíndo unha cuberta de tella curva a dúas augas.
Ademais dentro dos 40.000 metros cadrados que están delimitados por un muro de cachotería, atópanse outra serie de edificacións que reforzan o carácter señorial da propiedade, entre os que destaca a capela.
Datada no século XVII. Presenta pequenas dimensións, ten unha planta rectangular feita con muros de cachotería de granito e cuberta de tella a dúas augas. A fachada remátase por unha espadana dun vano. Orixinariamente a capela era unha construción exenta, pero na actualidade está conectada mediante unha galería co edificio principal. No seu interior conserva unha Piedade do século XVIII.
O núcleo pacego complétase con outras seis edificacións. As antigas cortes e/ou cabaleirizas, convertidas na actualidade en habitacións para hóspedes; a casa dos caseiros, actualmente coñecida como “A Caza”; o pombal, que data do século XVII; dous hórreos de gran tamaño e unha pequena torre con remate en ameas, que resulta difícil de adscribir cronoloxicamente.

Accesibilidade