Buscar...

Ruta Etnográfica 1

CRUCEIRO DA FONTENLA (FONTENLA, SAN MARTIÑO DE LAXE)

Que é un cruceiro?

Un cruceiro é unha cruz que se ergue sobre unha columna que se asenta sobre unha plataforma. Están realizados en pedra e a cruz pode ser lisa ou con figuras esculpidas.

Os cruceiros forman parte da paisaxe galega. Podémolos atopar nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias, nos adros da igrexa ou nos cemiterios.

Nas maioría das ocasións o obxectivo da súa construción era obter grazas divinas, agradecer favores, satisfacer penitencias ou protexer as colleitas. Noutros casos servía para orientar ós camiñantes, para marcar os limites parroquiais aínda que tamén poden cumprir unha función meramente ornamental, sobre todo nos últimos tempos.

O cruceiro de Fontenla

Cruceiro que arranca dunha plataforma cuadrangular con tres chanzos. A súa base é cúbica con moldura na parte superior. A vara ou fuste presenta sección circular, rematada por un capitel moldurado en dous corpos.

A cruz de sección cuadrangular ten no seu anverso a imaxe do Cristo crucificado, con tres cravos. Ten a cabeza ladeada e o nó do pano a súa esquerda. No seu reverso aparece representada a Virxe coroada co Neno no colo.

Ten mesa pousadoiro na parte dianteira e unha inscrición en relevo coa data de 2004 e unha vieira esculpida na parte inferior.

 

A procesión de San Roque

Este cruceiro forma parte da procesión de San Roque que se celebra o 16 de agosto de cada ano dende polo menos o século XVII. O trazado orixinario da procesión percorría todo o límite parroquial, tocando ás veces as terras das parroquias limítrofes, para que o santo protexese a toda a parroquia da peste e as epidemias.

Accesibilidade