Buscar...

Ruta Etnográfica 2

CRUCEIRO DE CHAIÁN (CHAIÁN DE ARRIBA, SAN MARTIÑO DE LAXE)

Que é un cruceiro?

Un cruceiro é unha cruz que se ergue sobre unha columna que se asenta sobre unha plataforma. Están realizados en pedra e a cruz pode ser lisa ou con figuras esculpidas.
Os cruceiros forman parte da paisaxe galega. Podémolos atopar nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias, nos adros da igrexa ou nos cemiterios.
Nas maioría das ocasións o obxectivo da súa construción era obter grazas divinas, agradecer favores, satisfacer penitencias ou protexer as colleitas. Noutros casos servía para orientar ós camiñantes, para marcar os limites parroquiais aínda que tamén poden cumprir unha función meramente ornamental, sobre todo nos últimos tempos.

O cruceiro de Chaián

Cruceiro que arranca dunha plataforma con forma de pirámide truncada, característica dos cruceiros desta parroquia. A súa base é cúbica decorada na parte superior con motivos alusivos á morte consistentes en caveiras e tibias cruzadas. A vara ou fuste presenta sección cuadrangular na parte inferior e octogonal na superior. Na parte baixa dianteira da vara hai unha figura da Virxe de pé cuberta polo manto. Na parte baixa traseira da vara hai símbolos da Paixón de Cristo e na parte media un Santo Antonio descabezado que ten o Neno no colo. O conxunto remata nun capitel moldurado en dous corpos.
A cruz de sección cuadrangular ten no seu anverso a imaxe do Cristo crucificado, con tres cravos. Ten a cabeza ladeada, o nó do pano a súa esquerda e o pé esquerdo sobre o dereito. No reverso non presenta ningunha figura, sendo esta posiblemente a situación orixinaria da Virxe.
Na cara esquerda da base ten unha inscrición da que se pode ler a data de 1792.
O cruceiro non se atopa na súa localización orixinal, xa que nos anos 80 do século XX pasou de estar en posición de encrucillada a estar a carón da entrada dunha casa.

A procesión de San Roque

Este cruceiro forma parte da procesión de San Roque que se celebra o 16 de agosto de cada ano dende polo menos o século XVII. O trazado orixinario da procesión percorría todo o límite parroquial, tocando ás veces as terras das parroquias limítrofes, para que o santo protexese a toda a parroquia da peste e as epidemias.

Accesibilidade