Buscar...

Ruta Etnográfica 4

CRUCEIRO DE CONLES (CONLES, SAN MARTIÑO DE LAXE)

Que é un cruceiro?

Un cruceiro é unha cruz que se ergue sobre unha columna que se asenta sobre unha plataforma. Están realizados en pedra e a cruz pode ser lisa ou con figuras esculpidas.
Os cruceiros forman parte da paisaxe galega. Podémolos atopar nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias, nos adros da igrexa ou nos cemiterios.
Nas maioría das ocasións o obxectivo da súa construción era obter grazas divinas, agradecer favores, satisfacer penitencias ou protexer as colleitas. Noutros casos servía para orientar ós camiñantes, para marcar os limites parroquiais aínda que tamén poden cumprir unha función meramente ornamental, sobre todo nos últimos tempos.

O cruceiro do Casal

Cruceiro, nun cruce de camiños, que arranca dunha plataforma cuadrangular con dous chanzos. A súa base cúbica de dous corpos. A vara ou fuste presenta sección cuadrangular na parte inferior e octogonal na superior, rematada por un capitel decorado con unha flor central, volutas e dobre banda de follas.

A cruz de sección circular ten no seu anverso a imaxe do Cristo crucificado, con tres cravos. Ten o nó do pano a súa dereita e o pé dereito sobre o esquerdo. No seu reverso aparece representada a Virxe Dolorosa cunha espada de ferro que lle atravesa o corazón, sobre unha gran cabeza de anxo con ás.

Na base ten unha inscrición moi deteriorada na que se pode ler a data de 1859.

A procesión de San Roque

Este cruceiro forma parte da procesión de San Roque que se celebra o 16 de agosto de cada ano dende polo menos o século XVII. O trazado orixinario da procesión percorría todo o límite parroquial, tocando ás veces as terras das parroquias limítrofes, para que o santo protexese a toda a parroquia da peste e as epidemias.

Accesibilidade