Buscar...

Ruta Etnográfica 6

CRUCEIRO DE QUERGUIZO (QUERGUIZO, SAN MARTIÑO DE LAXE)

Que é un cruceiro?

Un cruceiro é unha cruz que se ergue sobre unha columna que se asenta sobre unha plataforma. Están realizados en pedra e a cruz pode ser lisa ou con figuras esculpidas.
Os cruceiros forman parte da paisaxe galega. Podémolos atopar nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias, nos adros da igrexa ou nos cemiterios.
Nas maioría das ocasións o obxectivo da súa construción era obter grazas divinas, agradecer favores, satisfacer penitencias ou protexer as colleitas. Noutros casos servía para orientar ós camiñantes, para marcar os limites parroquiais aínda que tamén poden cumprir unha función meramente ornamental, sobre todo nos últimos tempos.

O cruceiro de Querguizo

Cruceiro, realizado nos anos 80 do século XX por un ecultor local, que arranca dunha plataforma cuadrangular. A súa base é cúbica con moldura na parte superior. A vara ou fuste presenta sección octogonal na parte central e cuadrangular na superior e a inferior, rematada por un capitel moldurado. Na parte media dianteira da vara presenta a figura dun Santo Antonio.
A cruz de sección cuadrangular ten no seu anverso a imaxe do Cristo crucificado, con tres cravos. Ten o nó do pano a súa dereita e o pé dereito sobre o esquerdo. No seu reverso aparece representada a Virxe coroada e cuberta polo manto.

A procesión de San Roque

Este cruceiro forma parte da procesión de San Roque que se celebra o 16 de agosto de cada ano dende polo menos o século XVII. O trazado orixinario da procesión percorría todo o límite parroquial, tocando ás veces as terras das parroquias limítrofes, para que o santo protexese a toda a parroquia da peste e as epidemias.

Accesibilidade