Buscar...

Festas

A historia de Moraña está integrada por toda unha serie de feitos legados en forma de lendas e costumes tradicionais, que chegaron ata os nosos días converténdose moitos en acontecementos de singular importancia na vida deste concello. Manifestacións populares, cunhas profundas raíces relixiosas nuns casos ou de antigas celebracións pagás noutras, que se levan a cabo baixo fermosas e singulares carballeiras, o cal propicia esa sensación de antigüidade e misterio e que son hoxe en día un signo de identidade que dinamiza a vida cultural de Moraña.

FESTAS ANCESTRAIS

Captura de pantalla 2020-06-11 a las 17.18.46

A Rapa das Bestas

Traballo gandeiro convertido en festadende tempos remotos, celébrase no monte do Acibal (Amil) preto do Marco da Estada, onde se unen os concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, Barro e Moraña, na fin de semana seguinte á rapa de Sabucedo. Caracterizada pola súa espectacularidade esta festa ten raíces moi antigas. Un grupo de mozos do lugar, con gran pericia e valentía, soben ao monte Acibal e campan libres e salvaxes un bo número de cabalos. A riqueza paisaxística do lugar e a espectacularidade do agrupamento do gando aprovéitase para atraer un gran número de visitantes. Á parte das magníficas vistas panorámicas dende o cume do Acibal, todo o seu contorno evócanos unha serie de cultos ancestrais e pagáns practicados polos antepasados. O primeiro paso é ir agrupando e dirixindo os cabalos a unha zona denominada O Pastizal, extenso prado chan e cercado de aproximadamente 19 hectáreas, onde un gran número de público se agrupa para, unha vez reunidas todas as reses, ver como os apeitadores montan, arrocan e marcan as bestas e cabalos, córtanselles as crinas ás bestas e márcanse os poldros para logo volver a soltalos ao seu medio salvaxe ata o próximo ano.

FESTAS GASTRONÓMICAS

597e028139-20170730-diegotorrado-festa-carneiro-o-espeto-07

Festa do Carneiro ó Espeto

Festa gastronómica de gran repercusión en Galicia e declarada de interese turístico que se celebra na carballeira de Santa Lucía o derradeiro domingo do mes de xullo. Destaca pola súa peculiaridade pois é a única destas características que ten lugar en Galicia na que o principal protagonista é o carneiro. A forma da súa preparación remóntase aos anos vinte, cando un morañés xubilado na Arxentina, xunto a un mozo arxentino, preparan varias comidas campestres nas ribeiras do río Umia, nas que asaban carneiros ao estilo “pampero”. O éxito foi rotundo e converteuse nunha tradición tipicamente morañesa ao longo dos anos pois degustábase en todas as celebracións (bautizos, vodas, festas patronais, etc.), o que motivou os responsables da Festa da Xuventude (Concello e mozos e mozas de Santa Lucía) a organizar unha festa gastronómica baseada no éxito do carneiro ao espeto como acto central destas celebracións e que co transcorrer dos anos se convertería nunha das celebracións gastronómicas de máis renome na Comunidade Galega, atraendo a cada vez maior número de comensais. A festa do Carneiro ó Espeto ten lugar nun marco incomparable, a carballeira de Santa Lucía; nela ásanse os carneiros de forma lenta, máis de oito horas, abertos en canal en forma de dobre cruz sobre unha estrutura de ferro, colocados en círculos arredor das brasas de madeira de carballo. Os organizadores da festa colocan previamente por toda a carballeira as mesas e bancos para grupos de 20 persoas, onde poden chegar a xuntarse un total de 3.000 persoas á hora da comida. Estes grupos de persoas teñen que encargar con antelación o lote, que consiste nun carneiro ao espeto, empanadas de zorza e bacallau con pasas, viño, pan e café. A xente que non encargue o lote pode degustar este manxar nos diferentes establecementos hosteleiros do concello. Con todo, hai que dicir que os días anteriores á festa se organiza unha serie de actos culturais ou deportivos que fan a ledicia dos morañeses e visitantes, que, ao chegar a noite, gozan das verbenas.

Máis Información

Festa do Porquiño á Brasa

Celébrase no lugar da Chan (Amil) o último domingo de Agosto. Foi creada en 1990 coa intención de dar un aire novo á xa tradicional Festa do Arrieiro (1976), dedicada a esta profesión con grande arraigamento na zona. Os arrieiros eran persoas que se dedicaban a ir a Ourense, á zona do Ribeiro, a buscar o viño en tinallas enriba dos cabalos ou burros para logo vendelo ou para autoconsumo. Posto que a festa se estaba convertendo nunha simple verbena nocturna, varios veciños tiveron a idea de revivila coa exaltación dun produto típico da economía rural galega. O animal elixido foi o porco tenro, entre 12-14 kg, para facelo á brasa. Con varios días de antelación deben reservarse os lotes, que consisten nun porquiño á brasa, empanada, viño tinto e auga, pan, bicas de sobremesa e café de pota. Unha agradable comida situada nun marco ideal, dende o cal se divisan os prados do val, e acompañada de xogos populares e exposicións culturais que completan a xornada.

Máis Información
Captura de pantalla 2020-06-11 a las 17.28.48

FESTAS RELIXIOSAS

Romaría da Virxe dos Milagros

Romaría que se celebra no lugar da Chan, na parroquia de Amil o primeiro domingo despois do 8 de setembro. É unha das romarías máis importantes de Galicia, cuxa celebración se remonta ao s. XVIII. Miles de devotos enchen a capela en honor á virxe, a onde acoden para cumprir a promesa feita á virxe ou simplemente gozar da festa. A orixe desta romaría data do último cuarto do s. XVIII, cando o labrador e arrieiro D. Sebastián de Castro, ante a dificultade de obter a auga no lugar onde vivía para manter os seus animais e a familia, optou por cavar unha pequena mina nas inmediacións do seu fogar e imploroulle á virxe a necesidade de atopar a auga tan desexada. A virxe cumpriulle este desexo, pois comezou a abrollar auga en abundancia, e este en xesto de agradecemento mandou realizar unha imaxe da virxe en pedra duns 80 cm de altura e datada en 1778 que denominou dos milagres. Rapidamente, extendeuse o milagre por toda a comarca, de aí a peregrinaxe de milleiros de persoas que obrigou a construción dunha nova capela no lugar da Chan (inaugurada en 1892) e que realizou Manuel García Martínez, canteiro do lugar, cun estilo neoclásico e antecedida por unha escalinata construída a mediados do s. XX que lle dan gran maxestuosidade ao conxunto. Un dos actos principais desta romaría é a procesión da virxe arredor da capela entre milleiros de persoas que a implora e se lle ofrece con ritos, como percorrer o perímetro exterior da capela axeonllados, como agradecemento dos favores concedidos, ir con candeas, ou o xa en desuso costume de portar os ofrecidos en mortallas e dentro de cadaleitos. A devoción é enorme e as xentes arremuíñanse para intentar tocar o manto da Virxe, onde prenden papel moeda como agradecemento ao cumprimento de pregarias ou ofrecementos. Pero xunto a estas mostras de gran devoción relixiosa, tamén dentro da multitude que se achega ao lugar da Chan, hainos que veñen a gozar da festa, que paralelamente se desenvolve na carballeira anexa á capela.

milagros1
santa-xusta

Romaría de Santa Xusta

Festa relixiosa que se celebra na parroquia de Santa Xusta o 19 de xullo. Miles de visitantes veñen cada ano a esta romaría, a beber a auga milagreira da fonte (s. XVI) como remedio para as dores e doenzas do corpo e os males do espírito. Esta auga tivo gran fama na década de 1930, da que se chegou inclusive a comercializar como xabón, pero como a súa procedencia foi considerada perigosa polas autoridades foi ordenado cortar o subministro do manancial. Tamén é famosa a súa igrexa por que parece ser que o párroco sandaba aos endemoniados e os males de ollo, de aí a existencia de toda unha serie de lendas ao respecto. É tradición que ao asistir a esta romaría se teñen que practicar os tres ritos, é dicir, facer un nó coa man esquerda nas follas do millo, asistir a unha misa e beber auga da fonte, se se quere remediar os males. Como tantas outras celebracións relixiosas e populares, ao chegar a noite celébrase unha verbena con música e baile baixo a espléndida carballeira que existe no lugar e pegada á igrexa.

Festa do Glorioso San Roque

Festa que se celebra na parroquia de San Martiño de Laxe o 16 de agosto. Segundo a documentación pódese remontar a finais do século XVI e comezos do XVII. Oito días antes do 16 comeza a celebración solemne dunha novena. A misa comeza coa saída a ombros da imaxe do santo desde a igrexa ata o cruceiro do lugar de Penagrande. Chegado o día da solemnidade do santo ábrense os festexos co tradicional repenique de campás unha hora antes da primeira misa de 6.30 da mañá e despois comeza a procesión co santo polos distintos lugares da parroquia. Conta a tradición que se facía para que o santo os protexera das pestes e epidemias. A saída da imaxe da igrexa, vai acompañada doutras imaxes que o seguen na súa peregrinación como as imaxes de San Blas, a Virxe da Candelaria, a Virxe do Carme, a Virxe do Rosario e San Antonio. Desde a saída da igrexa, o repenique de campás non cesa, tampouco o acompañamento da música dos gaiteiros, o rezo e o canto na chegada a cada cruceiro da parroquia. Ao rematar a peregrinaxe da procesión, á entrada da Casa Reitoral, alí espera a imaxe de San Antonio para saír ao encontro de San Roque e acompañalo ata a chegada á igrexa. Coa chegada do santo, párase o repenique de campás e comézanse os oficios relixiosos. Pola noite celébrase unha verbena para goce de veciños e veciñas e visitantes.

roque

Outras Festas Relixiosas

XANEIRO OS DOLORES SOAR - MORAÑA
ENTRE 9 E 15 DE FEBREIRO SANTA APOLONIA GARGANTÁNS
29 XUÑO S. PEDRO REBÓN
11 XULLO S. BIEITO CUBELO – SAIÁNS
20 XULLO STA. MARGARITA STA. MARGARITA - SAIÁNS
6 AGOSTO
DIVINO SALVADOR
SAIANS
7 AGOSTO
S. RAMÓN
BAROSELA
8 AGOSTO
S. ROQUE
ALBERGUERÍA
10 AGOSTO SAN LOURENZO CORRIGATOS - SAIÁNS
9 AGOSTO
S. ESTANISLAO
SABADÍN – SAIÁNS
2º DOMINGO DE AGOSTO CAMPO DE LEBON CORRIGATOS
SETEMBRO (1º domingo despois dos Milagros) VIRXE DA GUADALUPE A CHAN – AMIL
17 SETEMBRO S. ANTONIO SOUTO
ÚLTIMO DOMINGO DE OUTUBRO FATIMA REBÓN
13 DECEMBRO STA. LUCIA BUELO – SAIÁNS

CULTURA

Accesibilidade