Buscar...

Festas Gastronómicas

Festa do Carneiro ó Espeto
Festa gastronómica de gran repercusión en Galicia e declarada de interese turístico que se celebra na carballeira de Santa Lucía o derradeiro domingo do mes de xullo. Destaca pola súa peculiaridade pois é a única destas características que ten lugar en Galicia na que o principal protagonista é o carneiro. A forma da súa preparación remóntase aos anos vinte, cando un morañés xubilado na Arxentina, xunto a un mozo arxentino, preparan varias comidas campestres nas ribeiras do río Umia, nas que asaban carneiros ao estilo “pampero”. O éxito foi rotundo e converteuse nunha tradición tipicamente morañesa ao longo dos anos pois degustábase en todas as celebracións (bautizos, vodas, festas patronais, etc.), o que motivou os responsables da Festa da Xuventude (Concello e mozos e mozas de Santa Lucía) a organizar unha festa gastronómica baseada no éxito do carneiro ao espeto como acto central destas celebracións e que co transcorrer dos anos se convertería nunha das celebracións gastronómicas de máis renome na Comunidade Galega, atraendo a cada vez maior número de comensais. A festa do Carneiro ó Espeto ten lugar nun marco incomparable, a carballeira de Santa Lucía; nela ásanse os carneiros de forma lenta, máis de oito horas, abertos en canal en forma de dobre cruz sobre unha estrutura de ferro, colocados en círculos arredor das brasas de madeira de carballo. Os organizadores da festa colocan previamente por toda a carballeira as mesas e bancos para grupos de 20 persoas, onde poden chegar a xuntarse un total de 3.000 persoas á hora da comida. Estes grupos de persoas teñen que encargar con antelación o lote, que consiste nun carneiro ao espeto, empanadas de zorza e bacallau con pasas, viño, pan e café. A xente que non encargue o lote pode degustar este manxar nos diferentes establecementos hosteleiros do concello. Con todo, hai que dicir que os días anteriores á festa se organiza unha serie de actos culturais ou deportivos que fan a ledicia dos morañeses e visitantes, que, ao chegar a noite, gozan das verbenas.


Festa do Porquiño á Brasa

Celébrase no lugar da Chan (Amil) o último domingo de Agosto. Foi creada en 1990 coa intención de dar un aire novo á xa tradicional Festa do Arrieiro (1976), dedicada a esta profesión con grande arraigamento na zona. Os arrieiros eran persoas que se dedicaban a ir a Ourense, á zona do Ribeiro, a buscar o viño en tinallas enriba dos cabalos ou burros para logo vendelo ou para autoconsumo. Posto que a festa se estaba convertendo nunha simple verbena nocturna, varios veciños tiveron a idea de revivila coa exaltación dun produto típico da economía rural galega. O animal elixido foi o porco tenro, entre 12-14 kg, para facelo á brasa. Con varios días de antelación deben reservarse os lotes, que consisten nun porquiño á brasa, empanada, viño tinto e auga, pan, bicas de sobremesa e café de pota. Unha agradable comida situada nun marco ideal, dende o cal se divisan os prados do val, e acompañada de xogos populares e exposicións culturais que completan a xornada.

Galería de Fotos





Accesibilidade