Buscar...

Datos Xeográficos

Situado ao norte da provincia de Pontevedra, o Concello de Moraña conta cunha poboación de 4.434 habitantes (2010) repartidos en nove parroquias. É tributario do río Umia e son varios os ríos que bañan este concello. A combinación do seu relevo e clima tradúcese nunha vexetación que se caracteriza por prados, bosques de eucaliptos, piñeiros con árbores de ribeira e unha gran cantidade de árbores autóctonas, principalmente grupos de centenarios carballos que conforman unha paisaxe de singular beleza da que gozan morañeses e visitantes.

Clima e vexetación

Moraña encádrase dentro do clima oceánico húmido, aínda que dentro das variedades galegas pertence ao subtipo do litoral das Rías Baixas, caracterizado por unhas elevadas precipitacións, unha benignidade térmica notable e unha acusada seca estival coa aparición de fenómenos de aridez. Caracterízase por posuír invernos suaves e veráns cálidos. As precipitacións repártense ao longo do ano, especialmente nos meses de outono e inverno e sitúanse arredor dos 1.500 mm anuais favorecidas polos relevos litorais e a orientación das rías fronte aos fluxos ciclónicos do suroeste que favorecen a penetración da humidade cara ao interior.

En canto á vexetación, a superficie do concello está dedicada a terras de labor, mentres que as zonas de montaña as ocupan o bosque e a matogueira. A súa vexetación está formada por prados, bosques de eucaliptos e piñeiros, árbores de ribeira xunto aos ríos e árbores autóctonas, principalmente carballos, de aí a gran cantidade de carballeiras distribuídas por todo o concello.

Hidrografía

As abundantes precipitacións ocasionan leitos de auga importantes; o concello pertence á conca do Umia, que o bordea polo norte e recibe en Moraña as achegas dos regos de Sequeiros, Laceira e Grixó. Son varios os ríos que bañan as terras de Moraña:

• Río Umia
É o máis importante do municipio, separa os concellos de Moraña e Cuntis e percorre as parroquias de San Martiño de Laxe, Santa Cruz de Lamas e Saiáns. Nel embocan directamente os regatos de Ximieira e Portamós.

• Río Gundeiro
É afluente do río Agra (afluente do Umia) e posúe nas súas marxes unha gran riqueza paisaxística, cunha vexetación autóctona que sorprende o visitante. Nace no monte Acibal e atravesa as parroquias de Amil e Rebón.

• Río Cornide
Nace na zona de monte limítrofe entre os municipios de Moraña e Campo Lameiro, atravesa as parroquias de San Lourenzo, Gargantáns, Rebón e Saiáns, onde xa recibe o nome de Agra. Situado na parroquia de San Pedro de Rebón (As Laxes) este salto de auga ten un acusado desnivel e xunto ao conxunto de antigos muíños dan ao lugar unha espectacular beleza.

Demografía

A evolución demográfica acontecida no Concello de Moraña dende o primeiro censo de 1887 coñeceu pequenas variacións intercensuais, cunha poboación que se inclina cara ao estancamento desde 1930. De 1887 a 1910 as perdas debidas á emigración foron importantes pero na década seguinte aumentou a poboación un 0,13% cada ano. Durante a década de 1920 houbo un novo descenso, máis intenso debido á atracción de países como Cuba, Arxentina e Uruguai. A Guerra Civil Española e o illamento exterior de España provocaron que a emigración se cortase totalmente e que a poboación medrase entre 1930 e 1950. As décadas de 1950 e 1960, en cambio, marcaron unha nova fase emigratoria, agora con destino a Europa, coa que se iniciou unha nova crise demográfica. Posteriormente, desde 1970 a 1991, a poboación volveu medrar como consecuencia do peche da emigración europea e do cambio de tendencia nas migracións, que agora eran interiores, cara ás cidades e vilas máis desenvolvidas como Vigo, Pontevedra, Caldas de Reis, A Estrada e Vilagarcía de Arousa. A partir da década de 1990 volveu un período de decrecemento demográfico no que influíu o forte saldo vexetativo negativo, froito dunha natalidade moi baixa e unha mortalidade elevada.
O máximo de poboación sitúase en 1900 (4.975 h) e o mínimo en 2006 (4.274 h). O dato máis actualizado é o de 01/01/2014 con 4.362 habitantes. A continuación amosamos unha evolución da poboación durante os dez últimos anos por sexos e idades. Debido a esta evolución a estrutura por idades resúmese nun máximo de poboación de entre 16 a 64 anos, seguidos dos de 65 e máis anos, fronte a unha minoría de menores de 16 anos. A maior esperanza de vida feminina fai que as mulleres prevalezan claramente sobre os homes.
Consúltao aquí.

Comunicacións

A aproximación ás estradas nacionais 550 e 640 e mais á Autoestrada do Atlántico fai posible situarse na capital da provincia (Pontevedra, 21 km) en menos de 25 minutos ou na capital da comunidade (Santiago de Compostela, 40 km) en menos de 40 minutos, o que permite combinar a proximidade das comodidades e servizos prestados polos grandes centros urbanos coa tranquilidade de non verse inmerso no balbordo das principais vías de comunicación. O concello só está atravesado pola vía autonómica PO-221, de Caldas de Reis a Campo Lameiro, e outras de índole local.

Economía

O Concello de Moraña vén experimentando dende finais dos anos 90 un importante proceso de industrialización, que está a reverter en todos os sectores da actividade económica. Este proceso iniciouse coa posta en marcha de dous polígonos, o Polígono Industrial de Afieiras, primeiro, e o Polígono de Mirallos, despois, o que supuxo un auténtico revulsivo para Moraña, fomentando a creación de emprego, e de xeito especial o feminino. O primeiro polígono consta de catro empresas que se dedican á fabricación de persianas, á fabricación de valos, a traballos de cantería e carpintería de madeira. En canto ao segundo, consta de tres empresas que se encargan da fabricación de tecido de polyscreen, da fabricación e venda de portas e molduras e da construción e instalación de pantaláns para portos. No sector industrial tamén hai que facer mención aos serradoiros de madeira, ás carpinterías de madeira ou metálicas, así como aos talleres dedicados á preparación de pedra natural ou á fabricación de pedra artificial, todas estas empresas con bastante importancia en Moraña.
As actividades agropecuarias, moi arraigadas na zona e anos atrás case os únicos eixes económicos, atópanse hoxe en regresión e están maioritariamente destinadas ao consumo familiar, aínda que se está desenvolvendo unha horticultura de invernadoiro, orientada aos mercados urbanos próximos, que conta con boas potencialidades debido á fertilidade das terras do Val do Umia e dos seus tributarios e á benignidade climática.
O sector da construción viuse revitalizado nos últimos anos e ten moita importancia como actividade xeradora de emprego. As empresas con maior volume de negocio pertencen a este sector, non obstante, son moitos os traballadores autónomos que traballan pola súa conta.
Completan a actividade económica do concello o sector servizos, outro dos principais piares económicos de Moraña. O pequeno comercio está experimentando un certo pulo coa aparición de novos establecementos, que cobren cada vez máis as necesidades da poboación. Existen actualmente máis de sesenta pequenos comercios. Por último, o sector da hostelería tamén está presente en Moraña con varios establecementos nesta actividade entre bares, restaurantes e cafeterías, sen esquecer o auxe que está a experimentar nos últimos anos o turismo rural coa apertura de establecementos deste tipo que contribúen á promoción turística deste concello.

CULTURA

Accesibilidade