A definición “clásica” dun castro resúmese en que é un poboado fortificado da Idade do Ferro. Os castros por tanto, comezan a aparecer a partires do século IX a.C. e perduran ata o século I d.C., cando o noroeste peninsular é conquistado por Roma.
Son poboados estables, permanentes e monumentais, case sempre visibles e recoñecibles na paisaxe.
Os primeiros castros constrúense en cumios máis ou menos altos, pero a medida que van evolucionando irán baixando cara os vales, buscando terras fértiles para traballar e aproveitar.
O poboado fortificado de Rebón non foi escavado arqueolóxicamente nunca, pero presenta unha serie de características formais visibles.
Consta dun recinto aterrazado en forma de coroa circular duns 130 m de diámetro, organizado ao redor dun amplo afloramento granítico que ocupa á súa parte central e se eleva uns 3 ou 4 metros por riba da cota do socalco principal. Neste afloramento erixiuse a comezos do século XX unha cruz, que foi recuperada pola Comunidade de Montes de Castro Batán (propietarios dos terreos) en abril de 2021 xa que a orixinaria perdérase.
No socalco que rodea o afloramento localizaríanse as cabanas onde vivirían os habitantes do castro e como elementos defensivos, presenta uns importantes desniveis (nalgún caso de máis de 10 m), unha muralla monumental (cunha altura de 2 m cara o interior e 5 m cara o exterior) na zona sur e intúese a existencia dun foxo.
Polas súas características e polo seu emprazamento cun amplio dominio visual do territorio e control sobre as terras de labor máis fértiles, o castro pódese encadrar na II Idade do Ferro, o que implica que á súa fundación non sería anterior ao século IV aC., agás que a arqueoloxía amose o contrario o día de mañá.
Síguenos nas Redes Sociais