A igrexa é o resultado da xustaposición de tres módulos correspondentes a diferentes momentos construtivos.
A cabeceira, o elemento máis antigo, pódese encadrar tipolóxicamente como románico, datable entre os séculos XII e XIII.
A nave de estrutura rectangular, con paredes totalmente lisas, datable entre os séculos XVII e XVIII, polo que tipolóxicamente pode adscribirse ao barroco.
A fachada, artellada en tres corpos e rematada por unha espadana, que pode datarse entre mediados do século XVIII e o século XIX.
Dos tres módulos o máis senlleiro é a cabeceira. Posúe unha planta cunha única ábsida, á que se accede interiormente por un arco triunfal montado sobre semicolumnas e cuberto por bóveda de canón, pechase de forma semicircular, abríndose ao exterior por medio de tres vanos.
Exteriormente, o semicírculo elévase por medio dun zócalo constituído por dúas anchas molduras, aparecendo o paramento dividido en cinco tramos por medio de catro semicolumnas con basas decoradas nos seus ángulos. Sobre elas arrancan os fustes lisos rematados en capiteis decorados con motivos xeométricos e vexetais. Entre estas semicolumnas hai unha serie de canzorros con dobre función, decorativa/didáctica e sustentadora.
Pódense agrupar en tres tipos, antropomorfos (figuras humanas espidas, en crequenas ou unha cabeza co que podería ser un instrumento musical?), zoomorfos (bóvidos, un felino, posiblemente un león e dúas representacións de “animais monstruosos” tan típicos do imaxinario románico) e xeométricos (modillóns de lóbulos ou molduras lisas curvadas)
O centro da cabeceira está marcado por un rosetón enmarcado por unha moldura circular de tacos e péchase cunha celosía en forma de trevo, mentres que os corpos laterais presentan dous vanos/fiestras/celosías constituídas por arquillos.
Polo que respecta ao interior da nave, o eixo predominante na estruturación do espazo é o lonxitudinal, provocando un aspecto de total simetría.
A nave cóbrese cun teito a dúas augas, sustentado por unha estrutura de madeira.
Síguenos nas Redes Sociais