Buscar...

Ruta Arquitectonica 2

IGREXA DE SAN PEDRO DE REBÓN

A orixe da planta da igrexa respondería, con seguridade, a un artellamento baseado nun eixo lonxitudinal, pero as diferentes reformas a modificaron e transformaron, configurando unha planta irregular.
Pódese dividir en módulos, a cabeceira que segue unha estrutura dunha única ábsida semicircular e que se trata da parte máis antiga do conxunto, encuadrable no século XII, polo que estilisticamente é románica.
A nave, constituída por un tramo recto e lonxitudinal, con paramentos lisos, ao que se encosta, no lado sur, a sancristía e unha capela.
Remata o conxunto a fachada, de composición austera, presenta un frontón triangular e sobre este, un campanario cuadrangular rematado por un casquete semiesférico, que poden datarse nos séculos XVIII e XIX.
A cabeceira está constituída por unha ábsida dunha planta na que se poden diferenciar dúas partes, un tramo recto, cuberto con bóveda de canón semicircular, montada sobre arcos “faxóns” de medio punto e, un tramo de planta semicircular, que presenta ao exterior, dous contrafortes de sección cuadrangular e enmarcando a fiestra absidal (onde actualmente existe unha figura de San Pedro) dúas semicolumnas que dividen o paramento en tres. Os fustes de ditas columnas están rematados por capiteis con decoración xeométrica, vexetal e historiada (destaca o situado ao sur, no que ocupando o centro da parte frontal do capitel represéntase unha figura humana con nimbo e cos brazos erguidos, que está rodeada de animais coas fauces abertas. Trátase dunha representación de Daniel no foxo dos leóns ou unha pervivencia do tema do dominador de animais).
O aleiro está sustentado por unha variada tipoloxía de canzorros. Xeométricos (“modillón de lóbulos”), zoomorfos (cabezas de bóvidos, representación de leóns ou de cánidos), historiados e antropomorfos (un músico cun tambor, un contorsionista, unha cabeza e dous individuos en crequenas espidos tocando un instrumento).
No interior tamén se atopan interesante elementos decorativos románicos, na cabeceira atópanse, un capitel no que se combina un motivo de entrelazo e tres personaxes barbados; outro cunha figura no centro, sedente, coroado e coa postura de mans típica do Pantocrator, franqueado por dous leóns coas fauces abertas e, un terceiro, no que se representan unhas pombas peteirando un acio de uvas, clara representación simbólica da Eucaristía cristián.

Accesibilidade