Buscar...

Ruta Arquitectonica 5

IGREXA E FONTE DE SANTA XUSTA DE MORAÑA

A IGREXA

Aínda que existen novas da existencia dunha igrexa anterior, a actual igrexa de Santa Xusta é de estilo barroco, encadrable, por tanto, entre os séculos XVII e XVIII. Sendo obxecto de varias reformas como poñen de manifesto varias inscricións existentes nos muros da edificación.
Presenta planta de cruz latina, aínda que alterada polo encostamento do corpo da sancristía no seu lado norte.
A fachada construída en 1767, está artellada en tres corpos. O central conta cunha porta alintelada rematada por un tímpano triangular partido, para albergar unha hornacina delimitada por orelleiras e columnas, onde se sitúa a imaxe de Santa Xusta coroada por dous anxos. Sobre esta se empraza un pequeno vano rectangular e coroando o corpo un reloxo. O corpo da esquerda está rematado por unha espadana e o da dereita polo campanario de estrutura rectangular, presentando molduras e placas típicas do denominado “barroco compostelán”.
No interior a nave central está cuberta por unha bóveda de canón e a cabeceira por unha bóveda de medio canón de casetóns.
Os retablos da igrexa tamén son barrocos, tal e como o indican as columnas salomónicas e os dourados que os decoran.

A FONTE

Redescuberta a comezos dos anos 30 do pasado século XX, parece que froito dunha revelación dunha muller aparecida ao párroco.
O seu aspecto actual débese á reedificación que sufriu no ano 1938, a pesares de que a fonte data do século XVI.
Enmárcase dentro das tipoloxías de fontes de cano. Está constituída por un muro de cachotería que pecha o manancial, no que se embute un cano de pedra semicircular, pechado nunha construción feita en cadeirado que se remate con pezas triangulares a modo de ameas. No corpo central da fonte existe unha inscrición que di: “ESTA FUENTE SE HIZO A COSTA DE SANTA XUSTA ANO 1591?”.
A súa auga conta con gran sona, atribuíndoselle calidades curativas, acudindo moita xente para curar doenzas físicas e espirituais, especialmente na romaría que se celebra o día da festa da patroa.

Accesibilidade