Buscar...

Ruta Arquitectonica 6

ESCOLA A. RODRÍGUEZ TABOADA ( SANTA XUSTA DE MORAÑA)

Escola inaugurada en 1917 promovida pola fundación educativa A. Rodríguez Taboada e que estivo en funcionamento ata o ano 1974.
Trátase dun edificio, de estilo colonial, ao igual que outras escolas deste tipo existentes en Galicia, como por exemplo a dos irmáns García Naveira en Betanzos (A Coruña). Presenta unha soa planta formada por tres bloques prismáticos (no centro e nas esquinas) unidos por dous bloques de planta rectangular onde estaban instaladas as aulas.
Está construído en pedra, sobre un baseamento de cachotaría irregular, mesturada con cemento, para salvar o desnivel do terreo e ten cuberta de tella a dúas ou tres augas segundo os bloques.
Todos os bloques se unen a través dun corredor exterior na parte posterior que os vincula co espazo libre da parcela. Na parte central da fachada posterior hai un anexo de planta rectangular, onde estaban situados os aseos.
O bloque central, de maior altura, achégalle monumentalidade ao edificio e contén todo o simbolismo. Ten, igual que nos bloques das esquinas, dous corpos: o de abaixo é rectangular e remata nunha especie de frontispicio pentagonal coroado por unha superposición de molduras a modo de pináculos de base cadrada. No tímpano do frontón hai unha escultura do Sagrado Corazón, dentro dun nicho, e antigamente había unha inscrición que non se conserva na que se podía ler “DEJAD QUE LOS NIÑOS SE ACERQUEN A MI”. Con esta figura alúdese ao carácter relixioso do colexio.
En toda a fachada principal destacan como elemento decorativo en todos os bloques a alternancia de pilastras e vans. Os remarques dos numerosos vans a base de molduras provocan un xogo de planos que animan as paredes con claroscuros.
Nun principio a escola estaba formada por dúas aulas, situadas nos bloques rectangulares. Nun principio foi un colexio de nenos pero na década dos 30 xa era unha escola mixta, se ben estaban divididos nas aulas. As vivendas dos/as mestres/as estaban situadas nos bloques que conforman as esquinas.
O soar onde se edificou o centro escolar tiña unha extensión de 4000 metros cadrados, dos que 650 eran os correspondentes ao edificio; o resto estaba formado por un terreo con xardíns na parte dianteira e un amplo patio de recreo para os alumnos na zona posterior.
Tras o seu abandono nos anos 70, o edificio estaba practicamente en ruínas ata o ano 2004, cando o Concello de Moraña decidiu rehabilitalo.

Accesibilidade