Un cruceiro é unha cruz que se ergue sobre unha columna que se asenta sobre unha plataforma. Están realizados en pedra e a cruz pode ser lisa ou con figuras esculpidas.
Os cruceiros forman parte da paisaxe galega. Podémolos atopar nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias, nos adros da igrexa ou nos cemiterios.
Nas maioría das ocasións o obxectivo da súa construción era obter grazas divinas, agradecer favores, satisfacer penitencias ou protexer as colleitas. Noutros casos servía para orientar ós camiñantes, para marcar os limites parroquiais aínda que tamén poden cumprir unha función meramente ornamental, sobre todo nos últimos tempos.
Cruceiro, nun cruce de camiños, que arranca dunha plataforma con forma de pirámide truncada, característica dos cruceiros desta parroquia. A súa base é cúbica con moldura na parte superior. A vara ou fuste presenta sección cuadrangular na parte inferior e octogonal na superior, rematada por un capitel decorado con cabezas de anxos, volutas e banda de follas.
A cruz de sección octogonal ten no seu anverso a imaxe do Cristo crucificado feito a finais do século XX por un escultor local. Ten a cabeza mirando cara arriba, o nó do pano a súa dereita e o pé dereito sobre o esquerdo. No seu reverso aparece representada a Virxe de pé sobre pousadoiro decorado cunha cabeza de anxo con ás.
Nun lateral do cruceiro ten unha mesa pousadoiro sobre a que descansa un peto de ánimas no que están representadas tres ánimas do purgatorio e unha Virxe do Carme ou San Francisco.
Este cruceiro forma parte da procesión de San Roque que se celebra o 16 de agosto de cada ano dende polo menos o século XVII. O trazado orixinario da procesión percorría todo o límite parroquial, tocando ás veces as terras das parroquias limítrofes, para que o santo protexese a toda a parroquia da peste e as epidemias.
Síguenos nas Redes Sociais