Un cruceiro é unha cruz que se ergue sobre unha columna que se asenta sobre unha plataforma. Están realizados en pedra e a cruz pode ser lisa ou con figuras esculpidas.
Os cruceiros forman parte da paisaxe galega. Podémolos atopar nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias, nos adros da igrexa ou nos cemiterios.
Nas maioría das ocasións o obxectivo da súa construción era obter grazas divinas, agradecer favores, satisfacer penitencias ou protexer as colleitas. Noutros casos servía para orientar ós camiñantes, para marcar os limites parroquiais aínda que tamén poden cumprir unha función meramente ornamental, sobre todo nos últimos tempos.
Cruceiro que arranca dunha plataforma cuadrangular sen chanzos. A súa base é cúbica con molduras na parte superior. A vara ou fuste presenta sección cuadrangular na parte inferior e octogonal na superior, rematada por un capitel decorado con cabezas de anxos e motivos vexetais.
A cruz de sección cuadrangular ten no seu anverso a imaxe do Cristo crucificado, con tres cravos. Ten o nó do pano a súa esquerda e o pé esquerdo por riba do dereito. No seu reverso aparece representada a Virxe de pé e cuberta por un manto.
Ten unha fonte na parte dianteira cunha inscrición coa data de 1965.
Este cruceiro forma parte da procesión de San Roque que se celebra o 16 de agosto de cada ano dende polo menos o século XVII. O trazado orixinario da procesión percorría todo o límite parroquial, tocando ás veces as terras das parroquias limítrofes, para que o santo protexese a toda a parroquia da peste e as epidemias.
Síguenos nas Redes Sociais